Catedrática de Filoloxía Románica desde 2020, na súa traxectoria docente compaxinou o ensino de materias de ámbito lingüístico e literario, en diversos xéneros e períodos cronolóxicos. A súa investigación xira arredor de tres eixos esenciais: a poesía trobadoresca galego-portuguesa, a literatura haxiográfica e, de maneira particular, as Cantigas de Santa María, tres aspectos que xa estaban presentes na súa tese de doutoramento (1992, Premio extraordinario de Doutoramento).
Con seis sexenios de investigación recoñecidos pola Agencia Nacional de Evaluación (ANECA), tanto os seus catro libros publicados como os numerosos artigos derivados das devanditas liñas de estudo poden consultarse en https://usc-es.academia.edu/ElviraFidalgoFrancisco
Dirixiu ou participou en numerosos proxectos de investigación financiados por diversas entidades públicas, sempre relacionados dalgún xeito coa poesía medieval galego-portuguesa. Así mesmo, tutelou varios traballos de investigación, desde TFM a Teses de Doutoramento, e foi Coordinadora -e redactora da memoria- do Programa Oficial de Posgraduado Interuniversitario Máster en Edición (2008-2013). Actualmente segue dirixindo o Proxecto Cantigas de Santa María que se desenvolve no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, do que xa resultaron diferentes publicacións.
Paralelamente, desenvolveu un intenso labor de xestión na área de Filoloxía Románica, no Departamento, na Facultade e na Universidade (Vicerreitora de Cultura da USC, 2009-2011). Como Directora Académica de Cursos Internacionais (2002-2004), traballou no ámbito da aprendizaxe de español como segunda lingua (E/LE) e entre 2006 e 2015 foi a Coordinadora do equipo que redactou a normativa e as probas para a obtención das actuais certificacións autonómicas de coñecemento de galego (Celga), referenciadas ao MCER, así como os materiais para a preparación e a avaliación das mesmas, así como diversas publicacións derivadas.
Entre 2013 e 2017 foi Vicepresidenta da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM) e forma parte do Comité Científico de diversas revistas especializadas e doutros tantos Congresos Internacionais celebrados nos últimos anos.