Santiago Gutiérrez García é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria investigadora centrouse na literatura artúrica e a súa difusión no ámbito románico durante a Idade Media, con especial atención á súa transmisión na Península Ibérica, pero tamén nas recreacións contemporáneas tanto na literatura, entre elas a literatura galega contemporánea como nas artes audiovisuais, especialmente o cinema, de acordo coa liña de estudos de neomedievalismo. Como froito da súa dedicación aos estudos artúricos publicou diversas monografías: Merlín e a súa historia (1997), Orixes da materia de Bretaña: a «Historia regum britanniae» e o pensamento europeo do século XII (2002), A fada Morgana (2003), así como diversos artigos e outras contribucións en publicacións especializadas, como a Revista de Literatura Medieval, a Revista de Poética Medieval ou Cultura Neolatina. Colaborou, así mesmo no volume The Arthur of the Iberians: the arthurian legend in the Spanish and Portuguese worlds (2015), que coordinou o prof. David Hook, co capítulo “Arthurian Literature in Portugal”. Outro aspecto que abordou nas súas investigacións é a lírica trobadoresca galego-portuguesa, interesándose por aspectos como a teoría dos xéneros líricos, a parodia ou a sátira, así como a poética dos textos líricos. As súas aportacións foron publicadas en revistas como a Revue des Langues Romanes, Medioevo Romanzo, The Romanic Review, a Zeitschrift für romanische Philologie ou o Bulletin of Hispanic Studies. Nos seus traballos adoita adoptar un enfoque comparatista, que ten en conta o conxunto de literaturas románicas medievais consideradas como un único sistema literario, ao tempo que atende a cuestións teóricas derivadas da relación entre a palabra e a imaxe á luz dos principios da poética medieval.