Filoloxía Románica na USC

A Filoloxía Románica é unha das ciencias humanas con maior prestixio. Ao longo de décadas, os estudos de lingüística e literatura románica lograron afianzar unha importante tradición académica no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é posible estudar Filoloxía Románica como mención ofertada no Grao en Linguas e Literaturas Modernas.

O actual equipo docente continúa a promover os estudos lingüísticos e literarios románicos propiciando unha perspectiva crítica e comparada, transversal e interdisciplinar. Con vinculación a esta área, tanto no presente como na súa historia máis recente, contémplase o nome de recoñecidos romanistas a nivel internacional. Entre os seus membros, os profesores catedráticos Mercedes Brea e Antón Santamarina, actualmente xubilados, así como Manuel González González e Francisco Fernández Rei, profesores eméritos da área, distínguense como referentes no ámbito da Lingüística Románica. Tamén contribuíndo á docencia da disciplina e promovendo o coñecemento de linguas románicas na Facultade de Filoloxía, como o romanés ou o occitano, formaron parte do equipo docente os profesores Cristian Ionescu e Francisco Fernández Campo.