O Congreso Internacional O texto medieval: da edición á interpretación tivo por obxectivo analizar a relación entre dous momentos fundamentais da labor filolóxica dos textos literarios: o traballo de edición e a actividade esexética que se deriva do mesmo. Con este obxectivo, no encontro analizáronse o estado da cuestión e as últimas propostas metodolóxicas no eido da ecdótica, así como as achegas que á edición se realizan desde os estudos da crítica textual, da tradición manuscrita, da lingüística e da historia literaria. O coloquio foi concebido como un foro no que se presentaron resultados prácticos de investigacións levadas a cabo por especialistas destacados no seu ámbito científico, pero tamén serviu de espazo de reflexión e debate no que se expuxeron problemas que encontra o filólogo no seu traballo cotián.