Santiago López Martínez-Morás é licenciado en filoloxía francesa (1988) e doutor na mesma disciplina (1996) pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesor titular de Filoloxía Románica desde 2001 na Facultade de Filoloxía da mesma universidade, especializouse en varios campos de investigación vinculados coa literatura e historia medievais: cantares de xesta franceses e románicos medievais, historiografía románica do mesmo período e literatura do Camiño de Santiago na Idade Media, esencialmente épica, sobre a que ademais dirixiu varios proxectos de investigación e volumes colectivos. Nos últimos anos consolidou tamén como parte da súa produción científica unha nova vía de investigación: literatura en lingua francesa escrita no curso da guerra dos Cen Anos, tanto alegórica como política e historiográfica, cuxos resultados foron publicados en revistas internacionais de grande impacto. Máis alá destas grandes áreas, tamén publicou traballos de hagiografía e narrativa breve. No relativo á súa proxección nacional e internacional e a súa vinculación coas redes internacionais de investigación, ocupa actualmente o cargo de secretario da rama española da Société Rencesvals pour l’étude deas épopées romanes. Tamén foi secretario, e logo codirector, da revista Troianalexandrina, publicada por Brepols e a única en todo o mundo dedicada á materia clásica na literatura medieval. Na actualidade é membro da AHLM, La SEMYR, a Sociedade Española de Filología Románica e a asociación de francesistas da universidade española, alén de formar parte do grupo de investigación GI-1350 da USC.