É posible estudar Filoloxía Románica de tres formas:

1

Escoller a mención en Filoloxía Románica do Grao en Linguas e Literaturas Modernas, seleccionando o Maior en Filoloxía Románica (120 ECTS) como núcleo principal da titulación.

2

Escoller o Minor en Filoloxía Románica (48 ECTS), desde calquera dos graos que se ofertan na Facultade de Filoloxía. Deste xeito, cúrsase o Maior nunha disciplina nuclear da titulación e o Minor en Filoloxía Románica, ao realizar o módulo complementario e optativo correspondentes.

3

Escoller o Módulo complementario de Filoloxía Románica (24 ECTS), se se opta pola Modalidade mixta ofertada polos graos da Facultade de Filoloxía. De tal maneira, compleméntanse os estudos de Maior co estudo inicial dunha segunda e dunha terceira disciplinas.

Estudar Filoloxía Románica na USC

A Filoloxía Románica conságrase ás linguas e literaturas románicas desde unha perspectiva comparada, favorecendo un coñecemento distinguido do contexto lingüístico e literario europeo e mundial. Polo número de falantes e a súa extensión, as linguas románicas constitúen un dos máis valiosos e activos substratos culturais na historia recente da humanidade. A vixencia e utilidade do método histórico-comparativo, depurado coas achegas do estruturalismo, encontra fácil exemplo nas distintas ramas do saber: a Lingüística Románica é esencial en campos específicos tan actuais como a sociolingüística, a lexicografía ou a dialectoloxía. A Literatura Románica é, desde as súas orixes medievais, unha produción literaria comparada. Ademais, a aplicación do método crítico facilita a edición e interpretación crítica do legado textual nas distintas linguas románicas. Por último, sobresaen os avances da Filoloxía Románica no ámbito tecnolóxico, contribuíndo á elaboración de recursos dixitais: tradutores automáticos, bases de datos léxicas e literarias, edicións dixitais.